• EMAIL :

    fecimo@fecimo.es

  • TELÉFONO :

    +34 986 305 000

  • Dirección :

    Avenida de Vigo, 91 Baixo

ALTERNALIA, Mostra de Bioconstrución, Enerxías Renovables e Ecoloxía xurde das Xornadas Técnicas de Bioconstrución e Enerxías Alternativas que se organizaron nos últimos anos entre o Concello de Moaña e o Departamento de Electricidade do IES A Paralaia, e que na súa edición do ano 2007 xa incluíu unha mostra tecnolóxica celebrada nas instalación do instituto moañés.

A Edición do Ano 2008, co apoio de FECIMO, nace esta mostra, que aspira a converterse nun referente na materia e dar a coñecer, non só aos profesionais, senón ao público en xeral, un sector en auxe como é o da bioconstrución e as enerxías renovables e todas as súas características e beneficios. Así mesmo, houbo un programa paralelo de charlas, conferencias, demostracións e obradoiros acerca de temas relacionados coa Mostra.

Un ano máis a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO, Concello de Moaña e o I.E.S. A Paralaia organizan esta segunda Edición de ALTERNALIA 2009 que se celebra os días 26, 27 e 28 de Xuño no Paseo Marítimo de Moaña.

Con esta nova edición preténdese dar unha visión máis ampla e profesional da situación actual no ámbito enerxético e dotar de solucións aos múltiples interrogantes e dúbidas que existen a día de hoxe acerca dunha tecnoloxía relativamente nova, pero cun altísimo crecemento e uns beneficios en forma de aforros enerxéticos considerables. Preténdese tamén concienciar ao sector da construción dos enormes beneficios da implantación de sistemas ecolóxicos e intelixentes nos seus sistemas de produción.

ALTERNALIA procura dirixirse especialmente ao usuario final desas vivendas, dado que se entende que ten unha grande parte de responsabilidade en levar a bo porto os proxectos de eficiencia enerxética que se presenten na mostra.

Ponencias e Obradoiros

Seguindo as liñas de actuación de edicións anteriores, ao longo das xornadas iranse desenvolvendo sucesivas conferencias e presentacións co fin de achegar aos presentes á realidade eco enerxética actual e presentarlles os novos avances que se lograran en materia de eficiencia enerxética. 

Programa de Obradoiros Programa de Ponencias

Faga clic na imaxen para abrir o tríptico

O Centro Sociocultural de Caixanova acollerá o Ciclo de Conferencias de ALTERNALIA 09

A Comisión Organizadora de ALTERNALIA 09, decidíu que o Centro Sociocultural de Caixanova, ubicado na rúa Concepción Arenal, 170, de Moaña, se convirta na sede oficial das charlas e conferencias que se levarán a cabo durante a mostra.

A proximidade coas carpas que acollerán aos expositores e as comodidades que as instalacións ofrecerán aos asistentes foron determinantes para a elección deste novo emprazamento.

As actividades que se levarán a cabo este ano dirixiranse a todos os públicos, xa que se realizarán tanto xornadas técnicas coma informativas, fomentando así a participación activa na feira tanto de particulares como de profesionais do sector.

Os proxectos que se manexan tentarán ofrecer solucións ás necesidades actuais dos visitantes a feira, e contarán entre outras, cunha conferencia sobre os cambios que introducirá a liberalización do mercado eléctrico español que afectará a fogares e empresas a partires do vindeiro 1 de Xullo, a presentación dun proxecto de depuración biolóxica de augas residuais mediante plantas acuáticas, ou a implantación de medidas que permitan o quecemento de espazos habilitados. 
 

ALTERNALIA 2009 premiará o proxecto máis "ecolóxico"

Na súa primeira reunión, o pasado 1 de xuño, os membros da Comisión Organizadora de ALTERNALIA, integrada polos co-organizadores da Mostra, acordaron poñer en marcha a primeira edición do premio “ALTERNALIA” que premiará as iniciativas máis “ecolóxicas” levadas a cabo na comarca durante os últimos 12 meses, como grande novidade deste ano.

O galardón englóbase dentro do proxecto de concienciación e promoción da sostenibilidade ambiental da Comarca do Morrazo, centrado na defensa dos recursos existentes e na recuperación dos espazos e o patrimonio ambiental da Comarca. Valores cos que xurdíu a actual feira de bioconstrución, ecoloxía e enerxías altenativas.

O certame estará promovido polas tres entidades organizadoras e poderán optar ao premio de 600 € todas aquelas entidades públicas, asociacións ou colectivos sen ánimo de lucro que realicen proxectos na Comarca.

Nesta 1ª Edición valoraranse tanto proxectos técnicos que teñan especial relevancia para a Comarca no ámbito da ecoloxía e as enerxías renovables, como iniciativas didácticas que fomenten a innovación, a creatividade e a responsabilidades social co medio natural que nos rodea.

Os proxectos deberán entregarse antes do 19 de xuño no rexistro da sede da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo,ubicada na Avda. Vigo, 91 – Baixo de Cangas do Morrazo, e deberán ir redactados en lingua galega.

BASES DO CONCURSO

Sinatura do Convenio de Colaboración entre Concello de Moaña - IES A Paralaia - FECIMO para a organización de ALTERNALIA

Este acto no que se materializa o desenvolvemento dunha nova edición de ALTERNALIA- Mostra de Bioconstrución, Enerxías Renovables e Ecoloxía, manifesta o interés común das tres entidades de organizar o certame, potenciando a divulgación das tecnoloxías alternativas na construción e produción enerxética promovendo modos de vida sostibles dende o punto de vista ambiental. 

O Concello de Moaña, comprométese a dar cobertura e apoio institucional ás actividades que se desenvolvan poñendo a disposición os seus servizos e asumindo unha parte dos gastos de publicidade por importe de 3.000 €.

Pola súa banda, o IES A Paralaia comprométese a prestar asesoramento técnico e científico a través do Departamento de Electricidade do Centro, levando a coordinación coas empresas expositoras e divulgando entre a comunidade educativa a participación en todas as actividades programadas.

Por último FECIMO, pon a disposición da organización os seu equipo de profesionais para a posta en marcha de ALTERNALIA así como xestionará ante a Dirección Xeral de I+D+i a colaboración para o financiamento da dotación de carpas.

A Comisión Organizadora, conformada por representantes das tres entidades, reunirase vindeiramente para pechar os listado de empresas que soliciten a participación así como pechar e presentar o orzamento total da Mostra así como deseñar o plan de comunicación.

Presentación Institucional de ALTERNALIA 09

Esta Mostra que se celebrará os vindeiros días 26, 27 e 28 de xuño no Paseo Marítimo de Moaña, tivo a sua presentación oficial contando coa asistencia de: Sr. D. Ricardo Capilla Pueyo, Director Xeral de I+D+i, en representación da Consellería de Economía e Industria, D. Daniel Rodas Chapela, Concelleiro de Medio Ambiente e Mar, en representación do Concello de Moaña, D. Xosé Bangueses García, Presidente de FECIMO e D. Ramón Eixo Blanco, Director do IES A Paralaia.

Abríu o acto o Diretor do IES A Paralaia, como anfitrión, agradecendo a colaboración de todas as institucións sen as que non sería posible a celebración desta Mostra. Así mesmo foron intervindo os asistentes e presentouse a cartelería que forma parte da promoción do evento, así como o presuposto de gastos que supón esta celebración. Pecha o acto, finalmente, o Director Xeral de I+D+i en representación da Consellería.

Sinatura do Convenio entre FECIMO e a Dirección Xeral de I+D+i

Como punto culminante da mañá, procedeuse á sinatura do convenio de colaboración entre FECIMO e a Consellería de Economía e Industria, por medio da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

A colaboración da Consellería contribuirá entre outros gastos os custos de aluguer da carpa e dos stands para a exposición e as instalacións para a celebración das conferencias. Esta participación responde ao interese de Economía e Industria por apoiar accións de promoción e difusión de comportamentos sostibles e compatibles co respecto ao medio ambiente e a saúde, especificamente no que se refire á construción.

A feira ALTERNALIA, nome que dende o ano pasado tomaron as Xornadas Técnicas sobre Bioconstrución e Enerxías Alternativas que viña celebrando o Concello de Moaña e IES A Paralaia, contará este ano cuns 30 expositores de toda Galicia e estará complementada por xornadas e conferencias sobre o medio ambiente e a utilización de enerxías alternativas, que se celebrarán no Centro Sociocultural de Caixanova en Moaña. Como eixos temáticos fundamentais, ALTERNALIA abordará a construción, a xestión de residuos, a redución de emisións contaminantes, e a eficiencia no consumo enerxético.

GALERÍA FOTOGRÁFICA