• EMAIL :

    fecimo@fecimo.es

  • TELÉFONO :

    +34 986 305 000

  • Dirección :

    Avenida de Vigo, 91 Baixo

ALTERNALIA, Mostra de Bioconstrución, Enerxías Renovables e Ecoloxía xurde das Xornadas Técnicas de Bioconstrución e Enerxías Alternativas que se organizaron nos últimos anos entre o Concello de Moaña e o Departamento de Electricidade do IES A Paralaia, e que na súa edición do ano 2007 xa incluíu unha mostra tecnolóxica celebrada nas instalación do instituto moañés.

A Edición do Ano 2008, co apoio de FECIMO, nace esta mostra, que aspira a converterse nun referente na materia e dar a coñecer, non só aos profesionais, senón ao público en xeral, un sector en auxe como é o da bioconstrución e as enerxías renovables e todas as súas características e beneficios. Así mesmo, houbo un programa paralelo de charlas, conferencias, demostracións e obradoiros acerca de temas relacionados coa Mostra.

Un ano máis a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO, Concello de Moaña e o I.E.S. A Paralaia organizan esta terceira Edición de ALTERNALIA 2010 que se celebrou os días 25, 26 e 27 de Xuño no Paseo Marítimo de Moaña.

Con esta nova edición preténdese dar unha visión máis ampla e profesional da situación actual no ámbito enerxético e dotar de solucións aos múltiples interrogantes e dúbidas que existen a día de hoxe acerca dunha tecnoloxía relativamente nova, pero cun altísimo crecemento e uns beneficios en forma de aforros enerxéticos considerables. Preténdese tamén concienciar ao sector da construción dos enormes beneficios da implantación de sistemas ecolóxicos e intelixentes nos seus sistemas de produción.

ALTERNALIA procura dirixirse especialmente ao usuario final desas vivendas, dado que se entende que ten unha grande parte de responsabilidade en levar a bo porto os proxectos de eficiencia enerxética que se presenten na mostra.

Ponencias e Obradoiros

Seguindo as liñas de actuación de edicións anteriores, ao longo das xornadas iranse desenvolvendo sucesivas conferencias e presentacións co fin de achegar aos presentes á realidade eco enerxética actual e presentarlles os novos avances que se lograran en materia de eficiencia enerxética.

 Folleto Xornadas e Conferencias

Comeza a organización de Alternalia 2010

Fecimo, o Concello de Moaña e o Instituto IES Paralaia chegaron a un acordo para seguir adiante cunha nova edición da Mostra de Bioconstrución, Enerxías renovables e Ecoloxía – Alternalia, que se levará a cabo en Moaña por terceiro ano.

A feira deste ano será financiada polo Concello de Moaña, a Federación de Comerciantes e Caixanova.

Sufrirá un recorte orzamentario, que se traducirá nunha reducción de custos no plan de comunicación, a revista dos expositores e outros gastos de protocolo.

No que se refire a instalacións de carpa, seguridade, cursos de formación e obradoiros, mantéñense as mesmas que en anos anteriores.

A feira celebrarase os días 25, 26 e 27 de xuño e dende o luns día 21 levaranse a cabo xornadas de formación e talleres na sala que Caixanova pon a disposición da organización.

Sinatura Convenio Colaboración entre Concello de Moaña, IES A Paralaia e FECIMO para ALTERNALIA 2010

O Concello de Moaña, o IES A Paralaia e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO, asinaron esta mañá o convenio de colaboración no que se materializa o desenvolvemento desta nova edición de ALTERNALIA 2010 _ Mostra de Bioconstrución Enerxías Renovables e Ecoloxía.

Neste documento maniféstase o compromiso común das tres entidades para organizar o certame, esta vez con máis forza debido a que a mostra debe autofinanciarse.

Mantense o interese de seguir potenciando a divulgación das tecnoloxías alternativas na construción e produción enerxética, promovendo modos de vida sostibles dende o punto de vista ambiental.

O Concello de Moaña, comprométese a dar cobertura e apoio institucional ás actividades que se desenvolvan poñendo a disposición os seus servizos e asumindo unha parte dos gastos.

Pola súa banda, o IES A Paralaia comprométese a prestar asesoramento técnico e científico a través do Departamento de Electricidade do Centro, levando a coordinación coas empresas expositoras e divulgando entre a comunidade educativa a participación en todas as actividades programadas.

Por último FECIMO, pon a disposición da organización o seu equipo de profesionais para a posta en marcha de Alternalia así como unha aportación económica.

Cómpre salientar que Caixanova tamén colaborará cedendo o seu local social en Moaña para o desenvolvemento das conferencias e cunha axuda económica.

A Comisión Organizadora reunirase en vindeiras datas para pechar a participación das empresas que o solicitaran así como pechar e presentar o orzamento total da mostra e deseñar o plan de comunicación.

Concello Moaña, I.E.S. A PARALAIA e FECIMO, premiarán, por segundo ano, o proxecto máis "ecolóxico"

Na súa primeira reunión, o pasado Luns 24 de Maio, os membros da Comisión Organizadora de ALTERNALIA, integrada por FECIMO, o Concello de Moaña e o Departamento de Electricidade do I.E.S. A Paralaia de Moaña, acordaron na sede da Federación de Comerciantes, poñer en marcha a segunda edición do premio “ALTERNALIA” que premiará as iniciativas máis “ecolóxicas” levadas a cabo na comarca durante os últimos 12 meses.

O galardón englóbase dentro do proxecto de concienciación e promoción da sostenibilidade ambiental da Comarca do Morrazo, centrado na defensa dos recursos existentes e na recuperación dos espazos e o patrimonio ambiental da Comarca. Valores cos que xurdiu a actual feria de bioconstrución, ecoloxía e enerxías alternativas.

O certame estará promovido polas tres entidades organizadoras e poderán optar ao premio de 600€ todas aquelas entidades públicas, asociacións ou colectivos sen ánimo de lucro que realicen proxectos na Comarca.

Valoraranse, igual que o pasado ano, tanto proxectos técnicos que teñan especial relevancia para a Comarca no ámbito da ecoloxía e as enerxías renovables, como iniciativas didácticas que fomenten a innovación, a creatividade e a responsabilidade social co medio natural que nos rodea.

Os proxectos deberán entregarse antes do 21 de Xuño no rexistro da sede da Federación de Comerciantes do Morrazo, ubicado na Avda. de Vigo, nº 91, baixo de Cangas do Morrazo, e deberán ir redactados en lingua galega.

As bases do concurso para os interesados, estarán dispoñibles nesta páxina web.

Bases Premio Alternalia 2010

O Centro Sociocultural de Caixanova en Moaña acolle un novo Ciclo de Conferencias de ALTERNALIA

A comisión organizadora de Alternalia 2010, confirma que o Centro Sociocultural de Caixanova, ubicado na rúa Concepción Arenal nº 170, de Moaña, acollerá o Ciclo de xornadas técnicas e conferencias de Alternalia 2010, que este ano se levarán a cabo na semana anterior ó comezo da mostra.

Polo tanto do 21 ó 24 de xuño terán lugar neste emplazamento xornadas dirixidas tanto para particulares coma para profesionais do sector enerxético, da construción, medioambiente, etc.

Comezarán tódolos días ás 19:30 h da tarde e cóntase con dúas conferencias por día, salvo o Martes 22 no que só haberá unha, dedicada especialmente ó “Novo escenario enerxético no transporte. O coche eléctrico”.

O programa completo de xornadas será:

Luns 21:

19:30 h – 20:30 h. “Proxectos de autoxestión de residuos orgánicos”.

Domingo Pérez. Equipo de Ecoloxía de Solo e Biotecnoloxía Ambiental. Depto. Ecoloxía e Bioloxía Animal Facultade de Bioloxía Universidade de Vigo.

20:30 h – 21:30 h. “Proxecto piloto de compostaxe caseira e comunitaria na mancomunidade do Morrazo”

María Rodríguez Lafuente. Coordinadora dos programas de compostaxe e vogal de residuos de ADEGA.

 

Martes 22:

19:30 h – 20:30 h. “Novo escenario enerxético no transporte” O vehículo eléctrico.

Membro do Departamento Técnico da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI)

Mércores 23:

19:30 h – 20:30 h. “A avifauna na zona intermareal da Xunqueira”.

Alberto Pastoriza Barreiro. Técnico Recursos Naturais e paisaxísticos.

20:30 h. – 21:30 h. “Cetáceos nas costas de Galicia”

Francisco Javier Turnes Díaz. Educador Medioambiental (CEMMA).

Xoves 24:

19:30 h. – 20:30 h. “Rehabilitación Bioclimática de vivendas”

Francisco Pombal. Arquitecto e formador de AIGNE.

A continuación: “Rehabilitación en Madeira”

Víctor Hermo. Arquitecto e profesor na ETSA de A Coruña.

Os proxectos que se manexan tentarán ofrecer solucións ás necesidades actuais dos profesionais do sector e visitantes interesados na Mostra de Biocontrución, Enerxías Renovables e Ecoloxía.

Teatro na rúa "OS CÓMICOS DELL´AUTO"

O vindeiro venres, 25 de xuño ás 18:00 h. paralelamente á inauguración de Alternalia 2010 – Mostra de Bioconstrución, Enerxías Renovables e Ecoloxía, a celebrar no Paseo Marítimo de Moaña (ao lado da Cofradía de Pescadores), terá lugar un espectáculo ambulante denominado “OS CÓMICOS DELL´AUTO”, no marco e previo á celebración da 27 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo.

Esta “particular” iniciativa consiste no desenvolvemento dun espectáculo itinerante que percorrerá as rúas de Moaña, dende a rúa Concepción Arenal cara O Con, e dará a volta pola mesma rúa para rematar nas Barxas. Este espectáculo ven da man da agrupación teatral TEATRO DE NINGURES. Estes cómicos, músicos e actores percorrerán as rúas, deténdose en comercios para dar vida aos seus sketchs.

OS CÓMICOS DELL´AUTO é un espectáculo ambulante de rúa que se desenvolve arredor dun vello autobús. En realidade, máis que un autobús é un vehículo de transporte de animais e persoas que se empregaba para ir ás feiras nos anos 20 e 30. A parte de atrás é unha gaiola con reixa que está illada da parte dianteira: unha cabina para o condutor con asentos para varios pasaxeiros. Ademais ten unha baca na parte superior pensada para levar equipaxes e mercadorías, que tamén se emprega como espazo de actuación.

No medio do seu percorrido, vai facendo paradas, con pasacalles, nas prazas e comercios máis propicios para que o público se concentre arredor del. Durante estas paradas, os cómicos baixan do autobús para interactuar cos espectadores interpretando escenas típicas con comerciantes, e interpretarán distintos sketchs.

Á súa vez, estes cómicos interpretan as cancións e a música en directo: acordeón, guitarra, percusión e violín, tanto para animar os desprazamentos como para acompañar as pequenas representacións que se fan en cada parada. Tanto os instrumentos como as voces dos actores están amplificadas, para que a función poida chegar con calidade a unha gran cantidade de público, aínda que o espazo sexa moi aberto.

Dita actividades será desenvolta tamén nas localidades de Cangas, o venres 2 de xullo co inicio da 5ª Feira de Oportunidades do Morrazo, e en Bueu nas datas de celebración da XI Edición de Bueumostra, Mostra Multisectorial da Comarca do Morrazo.

Trátase dunha iniciativa máis da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO coas asociacións que a integran: Asociación de Comerciantes de Bueu, Cangas e Moaña como actividade de dinamización comercial destas tres localidades dentro das inicitivas que se están desenvolvendo ao longo do ano 2010 . Programa subvencionado por FECIMO en colaboración coa 27 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo.

GALERÍA FOTOGRÁFICA

[cq_vc_dagallery images=”1345,1346,1344,1343,1342″ gallerywidth=”100%” color=”#ffffff” background=”#4c9300″]