• EMAIL :

    fecimo@fecimo.es

  • TELÉFONO :

    +34 986 305 000

  • Dirección :

    Avenida de Vigo, 91 Baixo

Por 5º ano consecutivo, a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo -FECIMO, asume a organización de Bueumostra 2009 conxuntamente co Concello de Bueu, un evento que xa se ten consolidado coma o auténtico escaparate comercial e empresarial da comarca, no que as empresas da mesma e o seu contorno dan a coñecer os seus produtos e servizos aos seus potenciais clientes da zona, ademais de aproveitar a presenza doutros visitantes e turistas que se achegan nestas datas estivais.

A Mostra contou nos últimos tres anos con máis de 200 expositores e máis de 40.000 visitantes (más de 15.000 só o ano pasado).

Ademais de poñer en contacto a vendedores cos seus potenciais clientes, a Mostra convértese nun atractivo espazo de ocio máis en pleno centro urbano de Bueu, podendo realizar as súas compras por toda a comarca sen sair do campo de fútbol e desfrutar dun amplo abanico de actividades de ocio e animación para todas as idades, ademais de contar cun completo servizo de cafetería.

ACTIVIDADES DE OCIO

Esta décima edición de BUEUMOSTRA contará, coma noutras ocasións, cun programa de actividades de animación que sorprenderá tanto a nenos coma maiores. 
Realizaranse espectáculos en BUEUMOSTRA 2009 o Venres 24 e o Sábado 25, integrando maxia, humor e malabares. 

Serán os integrantes de Troula Animación os encargados de facer rir e disfrutar a tódolos visitantes. 

Espectáculo Maxia Cómica: "Rei Midas"

Venres 24, 21:00h a 22:00 h.- O venres 24 de xullo terá lugar ás 21:00h. un espectáculo cómico-familiar, no que o mago arxentino Rei Midas fará aparecer animais (coellos, pombas) e á súa vez fará participar ó público, todo con moito humor. A duración será dunha hora.

Espectáculo Pirata "Unha de piratas"

Sábado 25, 21:00h a 22:00h.- Durante unha hora, o Sábado 25 de xullo dous piratas un tanto torpes contarán as súas aventuras en alta mar, amenizando o seu espectáculo con demostracións de malabares (diábolos, antorchas, coitelos, tragafogos,…) números cómicos, e tamén participación do público. 

Inchables

Sábado e Domingo, 25 e 26 de xullo, de 17:30h a 20:30 h.- Contarase tamén con grandes inchables nos que os nenos disfrutarán saltando, atendidos por un monitor responsable da actividade. 

Os inchables estarán colocados na zona exterior, o Sábado e o Domingo pola tarde. Trátase dun Castelo e un Tobogán xigante, totalmente equipados para o disfrute dos pequenos. O monitor encargado atenderá ós nenos durante o tempo da actividade. 

Descarga o Folleto de Actividades

Exposición "Mares e terras do Morrazo"

Como novidade, todos os que se acerquen a BUEUMOSTRA, poderán visitar a EXPOSICIÓN INÉDITA DE PANEIS FOTOGRÁFICOS de “Mares e Terras do Morrazo” no Pavillón 4. 

Trátase de 25 fotografías aéreas que se recollen no libro recentemente publicado pola Federación coa colaboración dos Concellos de Bueu, Cangas e Moaña, así como da Deputación de Pontevedra e Caixanova. 

Sorteo de 2 viaxes en avión pola comarca

A Organización de BUEUMOSTRA sortea dous viaxes para coñecer a comarca dende o aire entre as persoas que merquen o libro “Mares e Terras do Morrazo” durante os días que se celebre a feira. Os premiados sairán do Aeroporto de Vigo para emprender un percorrido dunha hora de duración aproximada, un tempo no que os afortunados poderán disfrutar dunhas vistas privilexiadas. 

Conexión Wifi

Tamén como novidade, o recinto feiral contará con conexión Wi-Fi. 

A Bueumostra inaugúrase co obxectivo de contar cun pavillón multiusos antes de 2015

O Presidente de FECIMO, Xosé Bangueses, destacou a necesidade de contar con infraestruturas máis amplas e estables. A Mostra Multisectorial do Morrazo – BUEUMOSTRA 2009 abríu o pasado venres 24 de xullo as portas das súa décima edición. Un ano máis celébrase nas instalacións do campo de fútbol municipal de Bueu e a comisión organizadora mostrou na inauguración o seu desexo de que o municipio conte no horizonte do ano 2015 cun pavillón multiusos. Este sería o lugar ideal para acoller un evento que aspira a seguir crecendo ano a ano. 

Pecha o acto a Directora Xeral de Comercio

O acto inaugural contou coa presenza de representantes políticos, entre os que destacou a Directora Xeral de Comercio, Nava Castro. O encargado de dar a benvida aos asistentes foi o presidente de FECIMO, Xosé Bangueses. Na súa intervención explicou que aínda que este ano a feira dispón de carpas con mellores condicións, o certo é que o campo de fútbol “quédase pequeno e temos que buscar unha solución antes do 2015”. Por iso, aproveitou para solicitar unha nova infraestrutura acorde coas necesidades da feira: “A Bueumostra ten que dispor dun pavillón multiusos”. 

O Alcalde de Bueu, Félix Juncal, recolleu as palabras do presidente de FECIMO e destacou que “esperamos dar un salto cualitativo e cuantitativo e buscar unha alternativa ás actuais instalacións”. Engadiu que o municipio “está vivindo un proceso de transformacións constante e profundo, que pensamos culminar no 2015, cando contemos coas infraestruturas das que carecemos na actualidade”. 

A Deputación de Pontevedra é un dos principais colaboradores da feira e o seu vicepresidente, Xosé Enrique Sotelo, destacou “entre todos temos que facer posible que esa fonte de emprego que son os comerciantes cheguen ós potenciais consumidores”. Referíuse asimesmo ao arraigamento que ten a feira na comarca, reflexado no feito de que pasen 15.000 visitantes polas instalacións, pese aos actuais tempos de crise. 

A encargada de pechar o turno de discurso foi Nava Castro. Tras desexar que a Bueumostra 2009 resultase un éxito, manifestou o seu apoio ás iniciativas e proxectos que se leven a cabo no futuro para axudar ao pequeno comercio e destacou a súa disposición a contribuir á mellora do evento: “Estamos dispostos a facer todo o posible para que isto vaia a mellor e que se poida repetir a feira un ano máis”. Acto seguido, subliñou a necesidade de “camiñar xuntos para sacar Galicia adiante”. 

Doce expositores homenaxeados na apertura

A 10ª edición da Bueumostra acolleu a representantes dos sectores comerciais e industriais do Morrazo. Doce dos 70 participantes na feira non fallaron en ningún dos cinco últimos anos e por iso FECIMO premiounos cun diploma a cada un. A entrega, que foi un acto sorpresa, prodúxose durante a inauguración e tralo discurso da apertura das autoridades. 

Entre os asistentes atopábanse membros de entidades colaboradoras co evento, como o director de zona de Caixanova, Ramón Fernández Álvarez; a presidenta do Bueu Club de Fútbol, María Jesús Gil: a xerente de FECIMO, Mar Lorenzo; deputados provinciais; e membros do goberno local buenense, ademais dos 70 expositores que o venres pola mañá puxeron todo a funcionar para que un ano máis, a feira sexa un éxito. 

Publicacións na Prensa

-Edición:

 -Lugar: Recinto Feiral instalado no Campo de Fútbol de Bueu. 

 -Superficie: 6.000 metros cadrados (5.000 m2 cubertos por cinto carpas) 

 -Empresas: Preto de 70 empresas participantes, na súa maioría da Comarca do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) e tamén de municipios do contorno e da provincia) 

-Sectores:

* Alimentación
* Informática e Deseño Gráfico
* Construción
* Estética, beleza e saúde
* Fotografía
* Inmobiliaria
* Menaxe do fogar
* Mobiliario e Decoración
* Moda e Complementos
* Xardinería e maquinaria agrícola
* Agasallos
* Deportes
* Óptica
* Prensa e Medios de Comunicación

– Horario: de 11:00 h a 14:00 h e de 17:30 h a 23:00 h.

Click na imaxe para ampliar

Galería Fotográfica

Organizan:

Colaboran: