28
Out
2021
ABANCA E FECIMO RENOVAN O SEU CONVENIO ANUAL
ABANCA e Fecimo renovan a súa colaboración para apoiar as necesidades dos empresarios e comerciantes do Morrazo
- Ambas entidades volven asinar un histórico acordo de colaboración para continuar a facer fronte á crise da Covid-19.
- ABANCA ofrece fórmulas a medida para facilitar o impulso do pequeno e mediano comercio da comarca.
ABANCA e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) veñen de renovar o seu xa histórico acordo de colaboración co principal obxectivo de ofrecer condicións melloradas na contratación de novos produtos e facer fronte á crise xerada pola pandemia da Covid-19.
O convenio foi asinado esta mañá en Cangas polo director de zona de ABANCA en Vigo Norte, Víctor Vázquez, a presidenta da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo e presidenta da Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu, Ana María Ave; a presidenta da Asociación de Comerciantes e Industriais de Cangas, María del Carmen Fervenza; o presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña, Óscar Casas; e o presidente da Asociación de Empresarios do Parque Industrial de Castiñeiras – Bueu, Pablo Pazos.
Mediante este acordo, ABANCA pon a disposición dos asociados de FECIMO un plan de financiamento que responde de forma integral ás necesidades dos asociados, que se viron incrementadas de forma notable a causa da pandemia. No texto detállanse tamén produtos e servizos para acometer investimentos que permitan reforzar a competitividade dos proxectos que os empresarios e comerciantes leven a cabo.
Desta forma, os adheridos ao acordo contarán con produtos deseñados de forma específica, como os préstamos persoais e hipotecarios ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.
No documento recóllense tamén unha serie de solucións para as necesidades máis inmediatas e para poder adecuarse ás demandas da actividade diaria. Os asociados poderán acceder a outros produtos e servizos como as pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais, confirming ou factoring, en función das súas necesidades. A maiores, o banco activa as liñas de financiamento oficiais do ICO e as SGR galegas.
Mediante este convenio, ABANCA e FECIMO reforzan o seu apoio ao comercio local e de proximidade na provincia de Pontevedra, beneficiando a comerciantes e empresarios, pero tamén aos seus clientes con servizos como Applázame, que fai posible un financiamento inmediato e seguro a través do móbil. Así mesmo, os comerciantes terán acceso a tarifas personalizadas na alta e mantemento de dispositivos TPV físicos e virtuais, estes últimos de grande importancia nos últimos tempos debido ás necesidades de distanciamento social. Ademais, os adheridos terán acceso ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén por transferencias, ingresos de cheques e outros servizos habituais.