21
Xuñ
2020
Campaña solidaria nas redes durante o confinamento: #QUEDOCOCOMERCIOLOCAL e #VOLVEREMONOSVER
A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO – puxo en marcha dúas campañas concurso, durante o que durou o confinamento do estado de alarma provocado pola situación da pandemia, para pequenos e grandes na procura de animar ás persoas que estaban na casa e para que comerciantes e veciñanza recordasen que estaban xuntos neses momentos tan difíciles de peche.
Dende a organización quíxose facer máis livián o gran labor de estar confinados nas casas, un labor que todos, comerciantes e clientes, tiñamos que cumprir. Por iso, e para que entre todos lembremos a importancia da relación especial que nos une ao comercio local e á veciñanza, pediuse que os clientes enviasen un agarimo especial ao noso COMERCIO LOCAL e a nosa HOSTALERÍA que neses momentos tamén permanecían pechados.
Desta forma, dende o día 1 de Abril e ata que rematou o estado de alarma, lanzáronse dúas campañas con dous CHALLENGES ou retos, para crianzas e adultos, que se compartiron a través das nosas redes sociais de ComercioDoMorrazo baixo os hashtags:
#QUEDOCOCOMERCIOLOCAL e #VOLVEREMONOSVER
A primeira iniciativa: #QUEDOCOCOMERCIOLOCAL,
Foi un CONCURSO DE DEBUXO para os máis pequenos, que xa levaban días sen poder saír das casas e que botaban de menos saír a correr polas rúas e barrios do Morrazo. Rúas nas que está presente o comercio local e que, de seguro, botaban en falla as crianzas do fogar.
Nesta modalidade os pequenos puideron presentar entre un e tres debuxos nos que o motivo foi: “a súa tenda do comercio local favorita”.
Para participar neste challenge establecéronse dúas categorías por idades: de 3 a 8 e de 9 a 14.
Os debuxos foron enviados por foto ao whatsApp: 699 516 646 ou por email a comunicacion@fecimo.es indicando o nome e a idade do neno participante, o nome do seu pai, nai ou titor e o nome do seu establecemento local favorito.
Os establecementos asociados participantes pódense consultar en:
https://www.comerciodomorrazo.com/establecementos
Os DEBUXOS premiados foron, unha vez validados pola organización, PUBLICADOS na páxina de Facebook e Instagram de COMERCIO DO MORRAZO (@comerciodomorrazo) onde se creou un álbum de fotos.
A segunda iniciativa: #VOLVEREMONOSVER
Foi un CONCURSO AUDIOVISUAL (fotografía ou vídeo) no que puido participar calquera persoa do Morrazo que tivese unha conta de INSTAGRAM e que decidise subir unha imaxe ou vídeo no que portase un folio A4 co HASHTAG #Volveremosnosver e cunha mensaxe ben audible (ou lexible no caso da foto) que expresase o seu apoio e ánimo para o comercio local, explicando por que era importante ou que lles gustaba do comercio local.
A persoa que desexase participar, debería SEGUIR a @comerciodomorrazo dende a súa conta de INSTAGRAM e logo subir a imaxe ou vídeo a súa conta ou perfil empregando o hashtag #VolveremonosVer e etiquetando a @comerciodomorrazo.
Entre tódalas imaxes, debuxos e vídeos que participaron nas campañas, escolléronse mediante sorteo 3 gañadores de 50€ e 9 gañadores de 25€ (en cheques compra) para gastar no comercio local asociado a Fecimo.
Dende Fecimo queríase destacar a especial situación de sacrificio económico que estiveron a sufrir os autónomos e pequenas empresas do Morrazo na crise do Covid-19 e ten a intención, mediante estes concursos, pór en valor a especial relación de proximidade que caracteriza ao comercio local e á xente dos seus barrios.
A organización anima a tódalas persoas do Morrazo a tomar conciencia da necesidade de manter un tecido comercial e empresarial local forte a través deste tipo de campañas, adaptadas á situación na que nos atopamos en cada momento, e da necesidade de que como sociedade coidemos das empresas que dan vida aos nosos barrios e que contribúen a soster emprego, creación de riqueza e aportar valor á nosa contorna.