20
Mai
2015
Comezan os preparativos da Feira de Oportunidades do Morrazo que este ano celebra a súa 10ª edición
20/05/2015 Un ano máis, durante a primeira fin de semana de xullo, os comerciantes de Bueu, Cangas e Moaña asociados a FECIMO organizarán a Feira de Oportunidades do Morrazo, unha inmellorable oportunidade para ir de shopping a prezos irresistibles.
Será como de costume no contorno dos Xardíns do Sinal en Cangas, este ano os días 3, 4 e 5 de xullo. A carpa habilitada será este verán o gran escaparate do comercio local, reunindo nun mesmo recinto aos comercios das tres vilas que desexen participar, ata un máximo de 40.
O prazo de inscrición está aberto ata o día 27 de maio. Aquelas empresas asociadas a FECIMO que queiran anotarse deberán cubrir o boletín de preinscrición e entregalo nas oficinas da entidade en Cangas ou ben por correo electrónico. A inscrición farase por rigurosa orde de entrada.
Dase cabida a actividades do máis variado, coma: moda home/muller, moda infantil, calzado, decoración, deportes, agasallos, tendas de mascotas, óptica, etc.
Esta é unha oportunidade que as empresas teñen para darlle saída ao seu stock e os restos de tempada, ao mesmo tempo que se da a coñecer a un público máis amplo.
Os asistentes poderán adquirir artigos de calidade dos seus establecementos de confianza aos prezos máis competitivos do ano. Estes descontos exclusivos serán como mínimo dun 40% sobre o prezo marcado, segundo dictan as normas de participación. E a partir de ahí poderán atoparse verdadeiras gangas.
A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO – continúa traballando na décima edición da Feira, onde se xuntan esforzos e experiencia para crear un evento de calidade, apoiando e fomentando coma sempre o comercio das nosas vilas.
Circular X Feira de Oportunidades do Morrazo