30
Out
2025
GANADORAS DO CONCURSO DE MICRORRELATOS DO SAMAÍN
Por, Fecimo Últimas Noticias, CAMPAÑAS Comments: no comments

Onte reuniuse o xurado para avaliar os microrrelatos presentados ó concurso, e xa coñecemos o seu ditame.
O obxecto do concurso era dar visibilidade ao comercio local e asociacións comerciais da vila de Cangas, ademais de promover a normalización e o uso do galego en todos os espazos da vida cotiá.
Participaron un total de 8 persoas mozas de entre 12 e 18 anos, e dende aquí queremos dar as grazas pola súa participación, e os nosos parabéns ás persoas premiadas.
A entrega de premios realizarase, de xeito presencial, mañá venres 31 de outubro, ás 20:30 horas, no Palco da Música da Alameda Vella, se o tempo o permite.
Estos son os relatos gañadores:
PRIMEIRO PREMIO: O SAMAÍN DOS ESCAPARATES VIVOS
Autora: Salma Amiziane Ferral
No meu pobo é tradición que, polo Samaín, os comercios compitan por ter o escaparate máis arrepiante de Cangas. Cada ano, veciños e visitantes percorren as rúas admirando as orixinais creacións. Mais aquel 31 de outubro algo aconteceu… e nada volveu ser igual.
Aquel día, os donos das tendas ergueronse cedo para comezar coa decoración. Nas tendas La Böcöque, Duende, Noetta ou Rincón de Po, onde sempre atopo roupa diferente, xa traballaban dende as seis da mañá. Pouco despois comezaron outros, como Calzados Triskele, Agarimo ou Íntima 3. En Foto Marcial, o estudo no que sempre saes ben, queiras ou non, ás sete xa tiñan as cámaras listas para inmortalizar o concurso.
Ao mediodía, todo estaba practicamente rematado… agás o Kiosquillo. Estrañoume, pois sempre era dos máis elaborados. Entrei e unha das dependentas advertiume, con voz tremante, que esa noite non saíra á rúa. Pensei que estaba de broma, aínda que o ambiente notábase estraño.
Mais ao caer a noite todo volveuse escuridade e berros. No intre en que anunciaban o gañador, os escaparates racharon en mil anacos e, de entre os vidros, a decoración cobrou vida. As flores da caveira da Floristería Malopa movíanse soas, e as cabazas xigantes da froitería de Celia comezaron a perseguir á xente polas rúas.
Entre o caos, vin unha figura con capa levando a carta co nome do gañador. Corrín tras dela polo casco vello ata que conseguín detela. Ao retirarlle a capa, recoñecín unha empregada da Florentina. Confesou que, cansa de que o seu comercio nunca gañase, aprendera un feitizo para dar vida ás decoracións e cambiar o resultado.
Aínda abraiado, fíxenlle entender que o Samaín era para unir ao pobo, non para enfrontalo. Con remordemento, utilizou de novo a súa maxia para desfacer o encantamento,atrasando o tempo coa maxia que aprendera para que todo o que fixera non ocorrese de novo.
E así, Cangas celebrou o seu Samaín en paz, entre castañas, risas e escaparates que, daquela vez, ficaron quietos… pero con ecos de maxia.
ACCESIT 1º: O MISTERIO DO GHATO
Autora: Iria Soage Piñeiro
Hoxe, é 30 de outubro. Xa case é Samaín. E todos os nenos e nenas agardan impacientes o día seguinte. Ben, todos menos Uxía, que, aquela noite, tremía de medo na cama só de pensalo.
Uxía odia as historias de terror, as pantasmas, etc. Ó contrario dos seus amigos, que sempre andan a contar o mesmo: que se os cinco misterios de Cangas, que se o Ghato do Mar, a pantasma da Alameda Vella…
Sempre igual! E, por riba, resulta que agora queren ir comprobar se o primeiro dos misterios é real. O Ghato do Mar.
Uxía quedara con María, Carla, Pablo e Bruno no bar do Ghato do Mar. E alí estaban, case todos. E Pablo? Pois… digamos que Uxía levou un pequeno gran susto.
– Veña, comezamos ou que? -pregunta Pablo.
– Home non, se che parece rematamos. -contestou María, irónica.
– En fin, tomareino como un si -dixo el. -conta a lenda, que na cristaleira do bar, hai un único anaco de vidro que, exactamente, ás doce da noite, vólvese vermello coma o sangue.
-Pablo sorriu ao ver a cara de medo de Uxía. – Se alguén colle ese anaquiño e o molla cunha gotiña de auga da mesmísima praia de Rodeira, aparecerá un gato medio serea de ollos amarelos cun rostro arrepiante.- puntualizou.
– Pero que medo! -berrou Uxía.
– Boh, este o que ten é a lingua moi longa. -dixo María.
– Como dis? -protestou Pablo.
– A ver, a ver. E se imos buscar o cristal e punto? -suxeriu Carla. E alá foron.
Mentres Uxía ficaba distraída, os rapaces atoparon o cristal.
– Aquí, aquí! Atopámolo! -berrou Carla.
– Rápido, collédeo e lavámolo ao Pelao cos nosos pais! -insistiu Bruno. Cando chegaron, puxeron o cristal sobre a mesa.
– Preparados? -dixo Pablo.
– Si -responderon todos.
Botáronlle unha gotiña, o vidro comezou a brillar e…
– Miau! -miañou o suposto gato.
– Mimá!!! -exclamaron.
– Un gato serea? -dixo Carla.
– E arrepiante? -seguiulle Bruno.
– Isto é un gato calquera! -dixeron
E Pablo, que quedara pasmado, non soubo que responder.
ACCESIT 2º: CAVILACIÓNS NUNHA TARDE MELANCÓLICA
Autora: Leyre Cruz Tenorio
Pling, pling, pling, as pingas de auga resoaban fortemente na miña cabeza. As nubes comezaran a desprender todas as súas bágoas sobre a nosa vila, unhas bágoas que falaban de tristes historias que sucederan había tempos inmemoriais.
En Maraxe atopei un refuxio no que me introducir para resgardarme desa choiva melancólica. Alí dentro o son do timbre que indicaba a chegada dun novo cliente recibiume xunto con toda a decoración típica do Samaín. Cabazas, esqueletos, bruxas, caveiras e curuxas adornaban a estancia co fin de seren terroríficos, mais quedáranse a medias; a min iso non me atemorizaba.
A Santa Compaña, a Morte, o Lobishome, as meigas, os vampiros son todo crenzas dos nosos antepasados coas que tentaban sembrar o medo na xente. Porén, non digo que non sexan relatos interesantes e importantes mostras da nosa cultura, non, por suposto que non, iso é innegable. O que non me gusta é que tachen de terroríficas a estas personaxes inventadas e non aos verdadeiros causantes do terror no mundo real: as guerras. Iso si que é terrorífico.
O asasinato de milleiros de persoas inocentes, a perda de inumerables lugares que acabaron arrasados por bombas atómicas, os prantos de nais que perden os seus fillos… Para min, esa é a definición do medo, da dor. Dor melancólica e medo eterno que xa se apoderaron de miles de vidas, como farían os vampiros que tanto teme a xente.
Para esas persoas, estas personaxes de suposto terror non serían para nada temibles en comparación con todo o que viviran.
Por sorte, nos nosos comercios podemos atopar simpatía por elas, xa sexa mediante carteis, manifestacións, folgas, actos, recaudacións… E iso é algo de agradecer nos tempos que corren; que haxa xente que empatice cos superviventes destas catastróficas guerras e que tenten axudalos na medida do posible dende os seus traballos ou situacións económicas.
Ring, ring, ring. O meu móbil vibrou, sacándome das miñas cavilacións. Chegárame unha mensaxe: Vés á festa do Samaín? É certo, esquecérame por completo. Saín pola porta vestida co meu traxe de zombie e corrín cara á praza. O ceo parara de chorar.







