20
Set
2019
FECIMO COMEZA NOVAMENTE AS XORNADAS DE FORMACIÓN GRATUÍTAS PARA ASOCIADOS
Na súa aposta de aportar maior competitividade ao tecido comercial da Comarca, FECIMO, comeza un novo ciclo de Xornadas de Formación e Networking de forma gratuíta para os seus asociados.
A Federación comeza cun Almorzo Networking que terá lugar o vindeiro día 26 de setembro ás 8.30 horas no espazo de “El SIETE – Huele que alimenta” e que estará conducido por Javier Cebreiros quen é Doutor en comunicación e graduado en Dirección de Empresas, socio de Impact HUB Vigo e Info JC, autor do libro “Esquece a túa linguaxe corporal” e quen foi seleccionado polas Nacións Unidas para participar no programa “Emprendedores para o cambio social”.
Neste novo formato FECIMO procura compartir ideas de forma distendida, poñer en común preocupacións e atopar respostas ou solucións a problemas cotiás na comunicación das empresas participantes.
Como ven sendo habitual este Almorzo networking é gratuíto para @s asociad@s aínda que o número de prazas estará limitado.
As novas XORNADAS DE FORMACIÓN que serán publicadas en breve son as previstas para:
o 2 de outubro “ALTERNATIVAS PARA A IMPLANTACIÓN DA LOPD NA PEQUENA EMPRESA” na que Javier Cancelas, Titulado universitario de experto e especialista en Protección de Datos e membro da Asociación Profesional Española de Privacidade e Secretario de relacións institucionais por Pontevedra da Asociación Unificada de Gardas Civís, explicará aos asociados como implantar un rexistro de actividades de protección de datos nun comercio/empresa que trata datos de escaso risco a custo cero e cunhas nocións básicas para un tratamento axeitado.
e o 16 de outubro “O COMERCIO QUE VEN” da man de José Manuel Castro Pérez, quen é responsable da Vixilancia Competitiva do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e orienta e aconsella no desenvolvemento das súas estratexias a un gran número de empresas.