FECIMO fúndase no ano 1992, aínda que foi durante a celebración da Asemblea Xeral do 16 de Maio de 2000 á que foron convocados os membros delegados electos das Asociacións de Comerciantes e Industriais de Bueu (ACIBU), Cangas (ACICA) e Moaña (ACIMO) cando se propuxo a modificación e sometéronse a aprobación os estatutos da entidade, que dende a súa fundación, sufrirán poucas variacións.
A intención destas propostas de modificación e posterior aprobación, era actualizar as funcións da Federación coa finalidade de transformala nun órgano executivo comarcal coas competencias totais das asociacións locais. Unha vez aprobadas as modificacións dos estatutos, procedeuse á elección do Presidente e os novos cargos que dirixirán a Federación ó longo dos próximos 4 anos.
Deste acto, resultou elixido por unanimidade Presidente de FECIMO, D. Xosé Bangueses García, Presidente de ACIBU que, aínda que xa viña desempeñando ese cargo, foi a primeira vez que se procedía á elección dunha nova comisión executiva. Así mesmo, D. Camilo Vilas Pastoriza, como Presidente de ACICA e D. Santos Hernández Porrúa, como Presidente de ACIMO, foron elixidos Vicepresidentes da Federación. Outros 10 membros das asociacións locais foron elixidos vocais da nova executiva.
Os empresarios que integren a directiva non podían dedicarlle todo o tempo que se precisa para atender as necesidades e demandas dunha organización que cada vez ten un maior peso institucional. Profesionalizar significa buscar persoal con formación axeitada e dedicación exclusiva, con gran capacidade de traballo que desenvolva as directrices que se establezan dende a Federación: coordinación de cursos, asesoramento, tramitación de axudas, realización de actividades de promoción comercial,…
O primeiro paso xa se dera: acadouse unha subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para a contratación dun técnico que permitise a consolidación do órgano comarcal; confluír e transformar esta Federación nun órgano executivo, debe pasar ineludiblemente pola súa profesionalización, cunha estructura estable á marxe das directivas que vaian elixíndose.
A partires dese momento, amplíanse os servicios que presta FECIMO en canto a formación, promoción e asesoramento, a través de diversas liñas de actuación:
*- Remisión de Circulares Informativas ós Asociados.
*- Realización de cursos, seminarios e xornadas informativas sobre temas de actualidade.
*- Apoio a iniciativas emprendedoras.
*- Campañas de promoción comercial.
*- Defensa dos intereses empresariais en temas de incidencia comarcal e local.
*- Estudos de mercado.
*- Participación activa no programa de modernización e mellora do comercio retallista da Xunta de Galicia.
No ano 2007 intégrase a cuarta asociación, AEPICAS (Asociación de Empresarios do Parque Industrial de Bueu)