03
Ago
2022
BUEU NON STOCK 2022 pecha as súas portas cun éxito de vendas
Por, Fecimo Últimas Noticias, CAMPAÑAS Comments: no comments
Esta fin de semana tivo lugar a segunda edición da BUEU NON STOCK en formato Feira de Oportunidades no aparcamento de As Lagoas.
No acto de inauguración contouse coa presenza do Director Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, D. Manuel Heredia Pérez, o Alcalde da localidade, D. Félix Juncal Novas, a Concelleira de Comercio e Turismo deste concello, Dª Silvia Carballo González, outros membros da corporación local e a Presidenta do CCA de Bueu, Dª Ana María Ave Estévez, anfritriona do evento.
O Director Xeral sinalou a importancia dos centros comerciais abertos no impulso ao comercio de proximidade, lembrando a liña constante de colaboración que mantén a Xunta de Galicia con estes colectivos, que son pezas clave para a competitividade do sector nas vilas e cidades galegas e na súa transformación dixital e sostible. Por outra banda, o alcalde de Bueu mostrou a súa satisfacción por recuperar un evento destas características despois de que se deixara de celebrar a tan coñecida BUEUMOSTRA alá polo ano 2010. E finalmente a presidenta de ACIBU e FECIMO agradeceu a asistencia dos presentes e resaltou que sen as axudas da Xunta e a colaboración do Concello este evento non podería ser posible.
As autoridades realizaron un percorrido visitando cada empresa e intercambiaron impresión cos comerciantes.
Este novo formato tivo boa acollida entre os habitantes, así como os visitantes da localidade, que se acercaron ao recinto a beneficiarse dos grandes descontos ofertados polo pequeno comercio.
As empresas expositoras desta segunda edición remataron o evento cun gran sabor de boca grazas aos bos resultados acadados. O obxectivo da Feira era o de liquidar os stocks destes comercios, recuperando así parte do invertido e facendo sitio nos seus almacéns de cara vindeiras tempadas. Por outra banda este tipo de actividades favorece á promoción dos establecementos que trasladan o seu escarate a lugares externos para darse a coñecer.
Os comercios participantes, na súa maioría da localidade, aínda que tamén houbo empresas de Moaña e Cangas, foron os seguintes: 7 fresas, Aleali Zapatería, Cinaniashop, Colorín Colorado, Cousiñas de Kela, El Hilo Rojo, El Rincón de Aria, Eli Bonet, Gáidil, Joyería Artegalia, Joyería Perfumería Castro, Lencería Irelba, Melena de León, Muy Mía, Nene´s Moda Infantil, OSBS Clothing e Pepeluchos, que ofreceron gran variedade de ofertas.
Ademais, as empresas coas compras proporcionaron entradas para acceder aos inchables que foron instalados para o disfrute dos máis pequenos.
Feira organizada por FECIMO, a través da asociación local ACIBU e cofinanciada pola Xunta de Galicia.
BUEU NON STOCK 2022