04
Set
2020
Fecimo presenta a campaña “Un Comercio de Película”
Fecimo pón en marcha hoxe, venres 4 de setembro, a campaña “UN COMERCIO DE PELÍCULA” en paralelo ao FIC BUEU 2020 por sexto ano consecutivo. O Festival Internacional de Curtametraxes (FIC Bueu) chega un ano máis á localidade bueuense na súa 13ª edición, sendo un dos eventos máis multitudinarios da vila no que cada vez conta cun lugar máis destacado na axenda do concello.
Desta forma, dende a Federación de comerciantes e industriais do Morrazo apóiase este festival á vez que dinamiza o comercio local da zona, realizando accións e iniciativas como a campaña “Un comercio de película” que leva desenvolvéndose durante cinco anos consecutivos, sendo este o sexto.
Esta campaña, cunha duración de algo máis de dúas semanas, rematará o domingo 20 de setembro inclusive. O obxectivo da campaña é dinamizar e potenciar o comercio local das tres vilas da comarca do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) e dar maior visibilidade tanto aos distintos negocios que enriquecen as nosas rúas como ao valioso e recoñecido festival que se realiza en Bueu de carácter internacional.
Máis de 90 establecementos de Bueu, Moaña e Cangas participan na campaña “Un comercio de película” adornando os seus locais cos carteis correspondentes e con vinilos de estrelas pegadas ao chan ao estilo do cine de Hollywood, na procura de que o Morrazo vincule a festa do Cine ás compras no comercio local.
A parte, a iniciativa a destacar nesta edición é a colocación de vinilos antideslizantes de estrelas cos nomes dos negocios participantes de Bueu ao longo da rúa Eduardo Vicenti na vila bueuense onde se celebra o festival, facendo un guiño ao recoñecido “Paseo da Fama” das estrelas de cine de Hollywood, pero neste caso das estrelas do comercio.
En canto á parte promocional da campaña, nesta nova edición aumenta a contía dos premios, xa que sortearanse 1000€ en cheques compra para gastar no comercio local asociado e adherido a esta campaña, repartidos en 4 premios de 100€ (un por localidade e outro libre) e 12 premios de 50€.
O sistema de participación do sorteo é o mesmo que o que se fai en anteriores campañas, mediante a introdución dun código alfanumérico na páxina web www.comerciodomorrazo.com. Os clientes recibirán boletos de participación coas súas compras, que logo deberán rexistrar na páxina para saber no mesmo intre se resultaron gañadores. Terán do venres 4 ao domingo 20 ás 23.59h para participar. Os gañadores deberán poñerse en contacto con FECIMO para recibir o seu premio no establecemento. Estes cheques, unha vez entregados, contarán cun prazo dun mes tralo día do remate da campaña para ser canxeados polos gañadores nos locais adheridos á campaña.
A organización séntese comprometida coa imaxe da vila de Bueu na semana que dure o FIC Bueu, chea de cultura, gastronomía e actividades paralelas, amosando ao público a cara divertida do comercio local.