• EMAIL :

    fecimo@fecimo.es

  • TELÉFONO :

    +34 986 305 000

  • Dirección :

    Avenida de Vigo, 91 Baixo

07

Dec

2020

15.000€ en premios na CAMPAÑA de NADAL 2020

Por, Fecimo Últimas Noticias Comments: no comments

A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, Fecimo, poñe en marcha a súa tradicional CAMPAÑA de NADAL no Comercio do Morrazo a partir de hoxe 7 de decembro, e que durará un mes, ata o 7 de xaneiro de 2021, ambos inclusive. 

Nesta 20ª edición repartiranse 15.000€ en premios, a cifra máis alta dos últimos anos, para toda a comarca do Morrazo: Cangas, Moaña, Bueu e Marín incluído como novidade deste ano. A contía será dividida en premios directos durante a campaña e no gran sorteo final de 6 premios de 500€ cada un, dous por localidade. 

Participan máis de 300 empresas procedentes dos 4 municipios da península e de diferentes sectores como comercio, hostalería, saúde e beleza, ofrecendo así unha gran variedade e cantidade na oferta de produtos e servizos cara aos clientes que poidan obter premios ao participar no sorteo. 

Este ano continúase co eslogan “TI ES A NOSA ESTRELA DO NADAL”, na súa pretensión de reforzar o vínculo do cliente co comercio local e recordarlles aos consumidores que eles son os verdadeiros protagonistas para os establecementos das vilas e que están ao seu servizo, premiando a súa fidelidade cara ao comercio ou negocio de proximidade

Nesta especial campaña queremos que o público aprecie o valor do pequeno comercio e das pequenas empresas de toda a comarca, desas que enriquecen e enchen de vida e luz ás nosas vilas e que, este ano, necesitan do seu apoio e da súa cercanía en tódolos sentidos. 

 

A participación farase a través duns códigos alfanuméricos recollidos nuns boletos (son máis de 170.000 en circulación na comarca) recibidos naqueles negocios asociados e adheridos á campaña tralas compras ou consumicións nos mesmos. Eses códigos deberanse rexistrar na páxina web de www.comerciodomorrazo.com para saber se o cliente foi gañador ou gañadora dun dos múltiples premios directos que se ofrecen na campaña. En caso contrario, terá a oportunidade de participar no gran sorteo final. O acceso ao sistema poderá facerse dende o ordenador, móbil ou tablet, e nas oficinas da federación para axudar a quen non estea familiarizado coa tecnoloxía. 

A maior parte dos premios serán cheques compra con valores dende os 25€ ata os 500€ que deberán ser usados nos comercios e negocios participantes no prazo dun mes trala finalización da campaña. 

En canto ao material entregado por Fecimo aos establecementos participantes, ademais do xenérico de calquera campaña (cartelería e boletos), este ano engadimos unha serie de elementos decorativos para o embalaxe e paquetería dos produtos de regalo (bolsas, sobres de papel, pegatinas de nadal e etiquetas decorativas). 

Histórico