19
Dec
2023
DA COMEZO A XINCANA INFANTIL DE NADAL DO COMERCIO DO MORRAZO
Por, Fecimo Últimas Noticias, CAMPAÑAS Comments: no comments
- FECIMO organiza unha vez máis a Xincana de Nadal con grandes premios en colaboración coas empresas de Bueu, Cangas e Moaña. 33 empresas participantes de Cangas, 26 de Bueu e 33 comercios de Moaña participan nesta actividade para os nenos e nenas da comarca.
O vindeiro luns 18 de decembro arrinca a Xincana Infantil baixo a temática “Os Caza Palabras” organizada polas asociacións ACIBU, ACICA e ACIMO, a través de FECIMO – Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo coa participación de perto de 100 establecementos asociados e onde os cativos terán que resolver certas probas relacionadas coa lingua Galega.
Nesta edición 2023 a nosa mascota “MAZO” voltará para poñer a proba o coñecemento sobre a lingua materna d@s nen@s participantes na actividade.
A federación propón esta iniciativa coa que os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos divírtense durante o Nadal, convidándoos a utilizar o galego de xeito diario e normalizado.
O obxectivo desta actividade é darlle visibilidade aos establecementos de Bueu, Cangas e Moaña, e que os máis novos coñezan o que a súa vila lles ofrece.
Xunto coa súa familia, poderán interactuar coas empresas locais potenciando así un dos puntos claves do comercio das nosas vilas, que é a proximidade. Ademais de dar a coñecer a súa diversidade nas dúas semanas que dura esta actividade.
Funcionamento
A actividade desenvolverase dende o día 18 ata o 31 de decembro.
Os nenos e nenas contan cun mapa e cartilla no que aparecen os establecementos participantes. FECIMO agradece a colaboración dos centros de ensino da comarca para a entrega deste material aos seus alumnos, apostando por esta actividade cultural. Tamén estarán dispoñibles para recoller nas nas empresas adheridas.
A mecánica do xogo é sinxela: en cada tenda que teñen marcada no mapa hai unha proba diferente que deben resolver. Se acertan, recibirán un selo na casilla correspondente. Así, ata que consigan resolver tantas probas como lle son requeridas nas instrucións.
Unha vez consigan resolver as probas, cubrirán o folleto cos seus datos persoais e o depositarán en calquera dos Buzóns do Nadal do Comercio do Morrazo, ou ben o día do sorteo de premios na furna habilitada pola organización.
Ubicación dos Buzóns de Nadal
- BUEU: Amando Fotógrafos (Pazos Fontenla 19), Librería Miranda (Pazos Fontenla 35), Nene´s Moda (Xoan Carballeira 16) e Pepeluchos (Eduardo Vincenti 17)
- CANGAS: Foto Marcial (Méndez Núñez 2), Son da Terra (Pablo Iglesias 8), Tecnosat (Montero Ríos 17) e Xoaniña (Avda. Marín 6)
- MOAÑA: Droguería Chévere (Barxas 5), Ferretería O Muelle (Concepción Arenal 270), Librería Alborada (Concepción Arenal 112) e Merca Precio (Concepción Arenal 70)
Sorteo de premios
Ao remate do prazo para facer as probas, realizarase un SORTEO en cada vila cos mapas completos recibidos, no marco dunha GRAN FESTA CON ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN para todos.
Os premios a entregar serán:
1º Premio: Unha Tablet* (Tarxeta Regalo cargada con 200€ para gastar en librarías ou Informática)
2º Premio: Unha gran cesta de Nadal infantil
E outros premios sorpresa para os participantes que asistan á festa de animación.
As datas e localizacións dos sorteos serán:
– Martes 2 de xaneiro en Moaña a partir das 17:00h na contorna do Palco da Música
– Mércores 3 de xaneiro en Cangas a partir das 17:00h, na Praza das Pontes.
– Xoves 4 de xaneiro en Bueu a partir das 17:00h na Praza do Concello.
No caso de mal tempo informarase do cambio de ubicación na páxina de facebook de Comercio do Morrazo e Fecimo.
Os establecementos xa se están a preparar coas probas á espera da visita d@s cativ@s, desexando que @s maiores da casa tamén se animen a xogar e que aposten nestas datas polo comercio local e de proximidade.
Esta campaña organizada por FECIMO está incluída no Proxecto de Dinamización das asociacións ACIBU, ACICA e ACIMO, que conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio. Colaboran ABANCA, Concello de Bueu, Concello de Cangas e Concello de Moaña.
Resultado da Xincana
Galería Fotográfica