29
Mai
2025
MOAÑA CELEBRA A SÚA PRIMEIRA FEIRA DE OPORTUNIDADES DA MAN DE ACIMO
Por, Fecimo Últimas Noticias, CAMPAÑAS Comments: no comments

As mellores ofertas do comercio local nun mesmo recinto.
A Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña (ACIMO), asociación integrada en FECIMO, organiza esta feira de oportunidades que terá lugar o vindeiro sábado 7 de xuño no primer andar da Praza de Abastos.
O horario de apertura será de 10:30 h. a 14:00 h e de 18:00 h. a 22:30 h.
Ante a necesidade das empresas de liberar stocks dos seus almacéns de cara a novas tempadas, nace esta iniciativa que abrirá as súas portas para ofrecer aos visitantes artigos con grandes descontos.
A organización atópase dando forma a este evento que se espera se consolide como un espazo de encontro entre empresas e clientes, para darse a coñecer entre o pobo e visitantes, ademais de darlles aos comercios a oportunidade de recuperar parte do invertido nos seus produtos. Un método eficaz de dinamizar os cliclos económicos entre provedores, comerciantes e consumidores finais.
Instalaranse 11 establecementos ocupando os stands para dar cabida a unha ampla gama de produtos e sectores como moda home, muller e neno/a, complementos, decoración, menaxe, deportes, libros, regalos… a prezos de ganga.
Para amenizar o evento contarase coa actuación de Brais das Hortas ás 18:30h. da tarde con “O Consertaso na Horta”, que será a delicia dos máis pequenos.
Por outra banda, Boulevar Libraría Edicións organiza un Contacontos ás 12:00h do libro LOLA FEROZ da man do autor Juan Baquero, así como a sinatura de libros de tres autores:
- 11:00 h. Juan Parcero,
- 12:00 h. Iria Collazo e
- 13:00 h. Luís Chapela.
Durante a xornada da Feira realizaranse sorteos de centos de regalos co fin de premiar os consumos dos visitantes, e a súa lealtade ao comercio local.
Dende ACIMO convidan a toda a xente de Moaña e arredores a que visiten a feira e gocen do comercio local, apoiando a un sector vital na creación de emprego e riqueza para a zona e que como sempre demanda o apoio e a colaboración da xente para seguir ofrecendo actividades singulares como esta.
Este evento de impulso do comercio local está organizado por ACIMO, asociación integrada en FECIMO, está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio, e conta coa colaboración do Concello de Moaña. Xuntando esforzos para fomentar o pequeno comercio da localidade.