28
Ago
2026
CAMPAÑA “UN SETEMBRO DE CINE” 2026
Por, Fecimo Últimas Noticias, CAMPAÑAS Comments: no comments

Neste mes de setembro o Comercio do Morrazo pon en funcionamento esta campaña de dinamización denominada UN SETEMBRO DE CINE, en colaboración co Festival Internacional de Cine de Bueu (FIC), orientada a acompañar á cidadanía na transición entre o verán e o regreso á rutina.
A proposta toma como punto de partida o “síndrome postvacacional“, transformándoo nun elemento positivo e motivador que converte o mes de setembro nun período de recompensas, cultura e proximidade co comercio local.
A campaña intenta “facer máis doada a volta á normalidade” tras o verán, ofrecendo á clientela un estímulo emocional e práctico para retomar os seus hábitos de consumo no comercio de proximidade. A colaboración co FIC engade un valor cultural distintivo, reforzando a identidade local e vinculando a experiencia de compra coa celebración dun dos eventos culturais máis relevantes da vila de Bueu.
FUNCIONAMENTO DA CAMPAÑA
A campaña consistirá nunha dinámica de fidelización comercial que dará a oportunidade aos clientes do comercio local adherido de gañar premios, en formato de tarxetas regalo do comercio local, polo rexistro dos códigos alfanuméricos obtidos coas compras ou consumos iguais ou superiores a 10€.
Deste xeito, cada vez que os clientes realicen consumos de alomenos 10€ nun comercio ou empresa participante entre o 7 e o 13 de setembro, deberán rexistrar os códigos obtidos en www.comerciodomorrazo.com para optar a gañar un dos 6 premios finais de 50€*, que se sortearán ao remate da campaña, entre todos os códigos alfanuméricos rexistrados durante os días de vixencia da campaña.
Por outra banda, para o coidado d@s nos@s clientes/as activaranse premios directos consistentes en 9 VALES PARA GASTAR EN calquera das PERRUQUERÍAS E CENTROS DE BELEZA asociados, valorados en 50€* cada un.
Finalmente, dentro da colaboración co FIC de Bueu, coa compra de tickets en taquilla tamén se poderán obter códigos alfanuméricos, e así mesmo, realizarase a entrega de premios finais no propio Festival que terá lugar no auditorio do Centro Social do Mar.
Campaña organizada por FECIMO, a través das asociacións locais de ACIBU, ACICA e ACIMO. Conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Colabora Abanca.
* Premios en tarxeta regalo para gastar nas empresas adheridas a Comercio do Morrazo de Bueu, Cangas e Moaña.






