26
Mar
2025
CAMPAÑA “EN ABRIL PARAUGAS MIL”
Por, Fecimo Últimas Noticias, CAMPAÑAS Comments: no comments

Chega a Primavera e con ela a nova campaña do Comercio do Morrazo baixo o slogan “EN ABRIL PARAUGAS MIL”.
Nesta iniciativa, que terá lugar do 1 ao 30 de abril, a chuvia convértese no centro da súa temática, a cal evoca o romanticismo existente entre os galegos/as e o noso clima, algo que tamén forma parte da nosa entidade e da nosa esencia.
Con este lema, a campaña busca destacar a riqueza da nosa lingua relacionada coa climatoloxía e mostrar a súa parte máis positiva. É por isto, que serán distribuídos entre as empresas adheridas á campaña, vinilos xogando con refráns típicos da nosa terra, para a súa colocación nos escaparates, como por exemplo: “Nunca choveu que non escampara”, “Abril augas mil”, “Ao mal tempo, boa cara”, “Cando o cuco canta, a choiva aguanta”…
Unha vez máis, co fin de incentivar o consumo local e premiar a fidelidade das persoas clientas que mercan no comercio do Morrazo, a federación levará unha campaña en formato dixital, que os clientes terán que rexistrar os seus tickets de compra na web www.comerciodomorrazo.com, acumulando os importes dos tickets rexistrados ata acadar os 20€, importe polo cal conseguirán un REGALO: un PARAUGAS DO COMERCIO LOCAL.
Preténdese fomentar así que as persoas consumidoras relacionen o comercio local co coidado e interese polo benestar dos seus clientes recorrentes, e que a pesar do mal tempo, visiten os establecementos da súa localidade.
DESENVOLVEMENTO DA CAMPAÑA
- A persoa consumidora realiza unha compra/consumo nunha das empresas adheridas a Comercio do Morrazo, durante o mes de abril.
- O cliente/a rexistra o/s ticket/s de compra na web www.comerciodomorrazo.com na que indica os seus datos para o seu posterior contacto en caso de resultar agraciado/a.
- Ao alcanzar o importe de 20€ en tickets de compra rexistrados, o sistema notificaralle a súa condición de agraciado cun regalo consistente nun PARAUGAS O COMERCIO LOCAL.
- O agraciado/a envía á organización o/os ticket/s rexistrado/s para a súa validación
- Entrega do regalo no establecemento onde realizou o consumo.
Unha vez rematada a campaña, realizarase un SORTEO FINAL de 300€, entre todos os tickets rexistrados, consistente en TRES TARXETAS REGALO DE 100€ para o seu posterior gasto nos establecementos adheridos a Comercio do Morrazo.
Campaña organizada por FECIMO, a través das asociacións locais de ACIBU, ACICA e ACIMO. Conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Colaboran Deputación de Pontevedra e Abanca.