31
Mar
2020
FECIMO ORGANIZA NAS REDES SOCIAIS DOUS “CONCURSOS SOLIDARIOS” CO FIN DE ANIMAR A CLIENTES E COMERCIANTES QUE ESTÁN NAS CASAS APORTANDO O SEU GRAO DE AREA NA LOITA DIARIA CONTRA O COVID-19
A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO – pon en marcha dúas campañas concurso para pequenos e grandes na procura de animar ás persoas que están na casa e para que comerciantes e veciñanza recorden que están xuntos nestes difíciles momentos e xuntos sairán disto tamén.
Dende FECIMO – Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – queremos facer máis livián o gran labor de estar nas casas que todos, comerciantes e clientes, temos que cumprir. Por isto, e para que entre todos lembremos a importancia da relación especial que nos une ao comercio local e á veciñanza, queremos pedirvos que enviedes un agarimo especial ao noso COMERCIO LOCAL e a nosa HOSTALERÍA que agora tamén permanecen pechados.
Para isto, dende mañá día 1 de Abril e ata que dure o estado de alarma, lanzamos dúas campañas con dous CHALLENGES ou retos, para crianzas e adultos, que se compartirán a través das nosas redes sociais de ComercioDoMorrazo baixo os hashtags:
#QUEDOCOCOMERCIOLOCAL e #VOLVEREMONOSVER
A primeira iniciativa: #QUEDOCOCOMERCIOLOCAL,
É un CONCURSO DE DEBUXO para os máis pequenos da casa, que xa levan días sen poder saír para nada das casas e que de seguro botan de menos saír a correr polas rúas e os barrios do Morrazo. Rúas nas que están presentes o comercio local e que de seguro botan en falla as crianzas do fogar.
Nesta modalidade os pequenos poderán presentar entre un e tres debuxos nos que o motivo sexa: “a súa tenda do comercio local favorita”.
Para participar neste challenge establécense dúas categorías por idades: 3 -> 8 e 9 -> 14.
Os orixinais deberán facerse en formato A4 e serán enviados por foto ao whatsApp: 699 516 646 ou por email a comunicacion@fecimo.es indicando o nome e a idade do neno participante, o nome do seu pai, nai ou titor e o nome da seu establecemento do comercio local favorito.
Os establecementos asociados participantes pódense consultar en:
https://www.comerciodomorrazo.com/establecementos
OS DEBUXOS recibidos serán, unha vez validados pola organización, PUBLICADOS na páxina de Facebook de COMERCIO DO MORRAZO (@comerciodomorrazo) onde se creará un álbum de fotos. Aquelas fotos que antes de rematar a campaña, acaden un mínimo de 50 likes, participarán no sorteo final onde sairán elixidos os gañadores dos premios da campaña.
Cada categoría terá un primeiro premio de 50 € e dous de 25 €.
A segunda iniciativa: #VOLVEREMONOSVER
É un CONCURSO AUDIOVISUAL (fotografía ou vídeo) no que poderá participar calquera persoa do #Morrazo que teña unha conta de INSTAGRAM e que decida subir una imaxe ou vídeo no que porte un folio A4 co HASHTAG #Volveremosnosver e cunha mensaxe ben audible (ou lexible no caso da foto) que exprese o seu apoio e ánimo para o comercio local, explicando por que é importante ou que lles gusta do comercio local.
A persoa que desexe participar, deberá SEGUIR a @comerciodomorrazo dende a súa conta de INSTAGRAM e logo subir a imaxe ou video a súa conta ou perfil empregando o hashtag #VolveremonosVer e etiquetando a @comerciodomorrazo.
Entre tódalas imaxes e vídeos que participen escolleremos mediante sorteo 2 gañadores de 50€ e 4 gañadores de 25€ (en cheques compra) para gastar no comercio local asociado a Fecimo.
NESTA LIGAZÓN PODES DESCARGAR E IMPRIMIR O FOLIO (A4) OFICIAL PARA PRESENTAR AS MENSAXES DE APOIO (Aínda que non é preciso para participar)
Dende a federación queremos enviar unha mensaxe positiva e de ánimo a toda a poboación e lembrarlle á xente que está nas casas que o seu comercio local vai continuar estando presente, agardando por eles e coidándoos, cando a situación volva á “normalidade”.
Dende Fecimo queremos destacar a especial situación de sacrificio económico que están a sufrir os autónomos e pequenas empresas do Morrazo nesta crise do Covid-19 e queremos mediante estes concursos pór en valor á especial relación de proximidade que caracteriza ao comercio local e á xente dos seus barrios.
Dende Fecimo animamos a tódalas persoas do Morrazo a tomar conciencia da necesidade de manter un tecido comercial e empresarial local forte, e da necesidade de que como sociedade coidemos das empresas que dan vida aos nosos barrios e que contribúen a soster emprego, creación de riqueza e aportar valor á nosa contorna. Xuntos sairemos desta, máis fortes, e máis unid@s ca nunca.