• EMAIL :

    fecimo@fecimo.es

  • TELÉFONO :

    +34 986 305 000

  • Dirección :

    Avenida de Vigo, 91 Baixo

17

Ago

2020

XV FEIRA DE OPORTUNIDADES DO MORRAZO

Por, Fecimo Últimas Noticias, CAMPAÑAS Comments: no comments

Este ano tivo lugar a edición número 15 da FEIRA de OPORTUNIDADES do MORRAZO no municipio de Cangas, onde preto de 24 establecementos de Cangas, Bueu e Moaña crearon unha oferta de produtos que serviu como reclamo para unha excepcional acollida do evento polo público. Estes negocios procedían de sectores moi variados: moda infantil, moda e complementos para muller e home, informática e tecnoloxía, deportes, etc. 

A feira celebrouse, como en pasadas edicións, nos Xardíns do Sinal (Alameda Nova) en Cangas, a fin de semana do 14, 15 e 16 de agosto. A diferenza dos anos anteriores, esta edición abriu aproveitando a mañá do venres, de forma que as tres xornadas contaban co mesmo horario de apertura e peche: de 10.30h a 14.00h e de 17.00h a 22.00h. Alí os negocios valeiraron o seu stock con descontos de ata un 70%, chegando nalgúns casos incluso ao 80%, conseguindo deste xeito que os asistentes puidesen atopar e facerse con verdadeiras gangas dado a relación calidade-prezo dos produtos ofertados polo comercio local. 

Nesta décima quinta edición, a Feira presentou a mesma esencia que en anos anteriores, pero buscou acadar a maior seguridade posible para clientes e expositores dada a situación derivada polo Covid-19, garantizando todas as medidas necesarias de protección, seguridade e hixiene dentro do recinto feiral .

Por este motivo, a organización decidiu cambiar o concepto da carpa común por haimas individuais que duplicaron o espazo de exposición por empresa chegando aos 25m2 e garantizando espazos de 2 metros entre haimas. O recinto tivo unha formación en “T” conformado por 25 haimas individuais de 5×5 metros, separadas entre si e pechadas polo perímetro exterior que ocupou unha superficie de máis de 1000m2, tratando de procurar, deste xeito, maior distanciamento e espazo entre expositores e clientes, pero sen perder a súa esencia de conxunto.

Fecimo puxo a disposición dos visitantes xel hidroalcohólico nas zonas de acceso principais e, igualmente,  en cada unha das haimas individuais, onde tamén se facilitaron luvas desbotables e papeleiras con tapa e pedal para o seu depósito tralo seu emprego. Do mesmo xeito, estableceuse un percorrido no recinto da feira e habilitouse persoal cualificado para velar polo aforo e o cumprimento das normas de hixiene e seguridade co obxectivo de acadar unha feira exitosa en vendas e en seguridade.

Por último, os visitantes puideron facer as súas compras con tarxeta, respetando as medidas hixiénicas e colaborando así en ter unha Feira máis segura, xa que foron moitos os establecementos expositores que contaron con TPV inalámbrico

 

A feira serviu de canle para a venda de stock procedente da tempada que non se puido vender a causa do peche e confinamento durante os meses de marzo, abril e maio pola situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia. Pero tamén de escaparate para promover as empresas locais participantes e achegalos a novos clientes potenciais. Desta forma, apóiase a un sector vital na creación de emprego e riqueza para cada unha das vilas que forman o Morrazo

MEDIOS DE DIFUSIÓN

Os carteis da 15ª Edición da Feira de Oportunidades do Morrazo deseñados pola organización estiveron presentes nos escaparates dos establecementos locais participantes e luciron nas rúas de toda a comarca en gran formato. 

Paralelamente, en canto á difusión en medios, cabe destacar a presencia publicitaria en prensa e radio e a publicidade de pago en redes sociais como Facebook, que nos permitiu chegar moi rapidamente a máis de 45.000 persoas da comarca e da súa área de influencia.

Histórico