06
Mai
2024
O COMERCIO DO MORRAZO XA É PET-FRIENDLY
Por, Fecimo Últimas Noticias, CAMPAÑAS Comments: no comments
Os establecementos asociados a ComerciodoMorrazo poñen en funcionamento un novo servizo no que os amantes dos animais disporán, por medio da web https://www.comerciodomorrazo.com/establecementos dun directorio onde consultar as empresas que permitan a entrada de mascotas nos seus establecementos.
Dende Fecimo (promotor de ComerciodoMorrazo) anímase aos establecementos a adherirse a esta iniciativa coa que recibirán un distintivo para a súa identificación cara o público usuario deste servizo.
O aumento das adopcións de animais, a entrada en vigor dunha normativa que regula a súa posesión, e a inclusión das mascotas como un membro máis da familia, están producindo un aumento das demandas de servizos para este colectivo.
O movemento Pet Friendly é un fenómeno global ao que cada vez máis empresas en todo o mundo se suman, co fin de permitir aos donos de mascotas, realizar con normalidade as súas rutinas diarias nas visitas ao comercio local.
Hai que ter en conta que cada vez máis familias e fogares contan entre os seus membros cunha mascota, e filtran a súas visitas en función de se admiten ou non a súa entrada. Son persoas que desexan compartir tempo con eles nos momentos de ocio fora da casa ou en vacacións, nunha terraza tomando algo, de tendas, etc… constitúen un volume cada vez maior de “potenciais” clientes e consumidores de aqueles servizos nos que as súas mascotas sexan aceptadas.
Son estas razóns as que impulsan as empresas de ComerciodoMorrazo a unirse a este movemento, e ofrecer a posibilidade aos consumidores de consultar as empresa de Bueu, Cangas e Moaña que dan a benvida as mascotas nos seus establecementos mediante a web www.comerciodomorrazo.com.
Por outra banda, para que este movemento siga crecendo é fundamental que os propietarios de mascotas colaboren e sexan responsables cando entran nestes establecemetos ou espazos con distintivo, traendo as mascotas aseadas, vacunadas, mantendo a distancia cos produtos á venda, coidando que manteñan a súa conducta, debidamente amarradas, levando bozal se é o caso, facéndose responsables das accións dos animais…etc. So así conseguirase que moitos máis establecementos e comercios se animen a formar parte desta comunidade e poder así, desfrutar de cada vez máis actividades con eles.
Só unidos e cumprindo un mínimo de normas de convivencia pódese demostrar á sociedade que é posible cambiar a cultura cara unha maior integración dos animais de compañía no noso día a día.
Así pois, con esta nova iniciativa o Comercio do Morrazo avanza un paso máis de cara a converter a Comarca nun espazo máis amigable e tolerante cos animais de compañía, aportando harmonía, equilibrio e respecto ao contorno no que vivimos. Un lugar onde sexa posible vivir e visitar, con recursos e servizos para todos os membros da familia, independentemente da idade, estatura ou número de patas.