• EMAIL :

    fecimo@fecimo.es

  • TELÉFONO :

    +34 986 305 000

  • Dirección :

    Avenida de Vigo, 91 Baixo

29

Dec

2017

FECIMO E AEPICAS INSTAN A RESOLVER O ESTADO DO POLIGONO INDUSTRIAL DE CASTIÑEIRAS

Por, Fecimo Últimas Noticias Comments: no comments

A Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de Castiñeiras ( Aepicas), Fecimo e o Concello de Bueu pasaron onte revista ao estado que presenta o parque empresarial e as súas necesidades máis urxentes.

Os empresarios trasladaron ao concello a urxencia de resolver a falta de prazas de estacionamento e o mal aspecto que presentan algunhas zonas, nas que abunda a maleza e a vexetación.

O encontro tivo lugar na propia área industrial e serviu para expor e analizar sobre o terreo algunhas das propostas de ambas as partes. O presidente de Aepicas, Pablo Pazos, e o xerente de Fecimo, Rodrigo Pastoriza; trasladaron aos representantes municipais a posibilidade de habilitar un aparcadoiro nun sobrante dunha zona verde que se atopa nas inmediacións da parcela na que se sitúa a Inspección Técnica de Vehículos (ITV). Argumentan que as prazas actuais son insuficientes “para dar cabida a todas as persoas que traballan non polígono e que teñen dificultades para aparcar”.

A proposta considérase como “interesante” por parte do Concello, que apunta que proximamente se procederá ao acondicionamento deste espazo. Para liquidar ese déficit de áreas de estacionamento adoptouse unha segunda decisión. Neste caso trátase de modificar as prazas de aparcadoiro que xa existen na rúa que baixa desde a rotonda situada nas inmediacións de Nodosa e á beira duns terreos agora sen uso. Na actualidade pódese estacionar en liña na súa marxe dereita, algo que cambiará nos próximos meses. A intención municipal é que o estacionamento pase a ser en batería, co que se gañaría espazo e maior capacidade, explica o alcalde, Félix Juncal, que acudiu acompañado da edil de Promoción Económica, Silvia Carballo, e do concelleiro de Servizos, Fidel Castro.

Outro dos asuntos que trataron foi o estado que presentan algunhas das zonas libres do polígono industrial, sobre todo o espazo entre as propias naves e con respecto ás beirarrúas, onde non existe un tratamento homoxéneo. Un dos mellores exemplos son os terreos que dan fronte cara á estrada provincial, que une polígono con Beluso e A Portela. O goberno local avanza que nos próximos meses poñerá en marcha unha serie de traballos para gañar eses terreos para uso peonil. “Son espazos que non propio plan de urbanización quedaron destinados a uso público e que agora mesmo non teñen ningún tipo de uso”, apunta o rexedor municipal, que lembra que son moitos os veciños que acoden a camiñar polos arredores do parque. Os traballos consistirán na limpeza das franxas de terreo situadas a ambos os dous lados do viario e ao seu posterior acondicionamento cunha capa de zahorra. Deste xeito tamén se aumenta a seguridade dos peóns.

Unha das principais reivindicacións dos empresarios nos últimos anos era a iluminación. Coa obra realizada hai uns meses co Plan Concellos, que incluíu a renovación de luminarias por outras con sistema LED, mellorou a situación. Con todo, o goberno local comprometeuse a repoñer algunhas das que faltan e a endereitar os báculos das que recibiron algún tipo de golpe por parte de coches ou camións.

Histórico