• EMAIL :

    fecimo@fecimo.es

  • TELÉFONO :

    +34 986 305 000

  • Dirección :

    Avenida de Vigo, 91 Baixo

01

Dec

2020

Fecimo presenta a Tarxeta de Fidelización para os clientes do Comercio do Morrazo

Por, Fecimo Últimas Noticias Comments: no comments

 
Fecimo presenta unha nova iniciativa de fidelización, as TARXETAS do Comercio do Morrazo, co obxectivo de premiar aos clientes que compren ou consuman no comercio ou hostalería local das tres vilas da comarca do Morrazo (Cangas, Moaña e Bueu), incentivándoos a formar parte do CLUB de clientes do Comercio Local do Morrazo. 
 
 
Esta atractiva ferramenta, que comeza a usarse a partir de hoxe 1 de decembro, vén coa intención de quedarse, sen data de caducidade, e permite que, por cada compra ou consumición que realicen os clientes naqueles negocios asociados a Fecimo participantes, acumulen saldo na súa tarxeta e poidan gastalo cando queiran en forma de descontos nas seguintes compras ou consumicións que desexen (sempre dentro dos negocios adheridos). 
Dentro deste programa de fidelización, existe a posibilidade de que os clientes poidan adquirir TARXETAS REGALO do Comercio do Morrazo para poder regalar (cun determinado saldo aboado de antemán) aos seus coñecidos, comprometendo á compra dentro do conxunto comercial e hostaleiro da comarca.
 
Desta forma, benefícianse todos e contribúese ao mantemento e fortalecemento do comercio local das nosas vilas. Xa son máis de 80 os establecementos adheridos, con posibilidade de seguir crecendo e xuntando forzas para facer deste pequeno comercio un valeroso e gran tecido comercial.

Calquera cliente, independentemente da súa procedencia ou residencia, pode adquirir a tarxeta de forma virtual, rexistrándose mediante un formulario na web de www.comerciodomorrazo.com , ou de forma física solicitándoa directamente nun dos establecementos participantes ou mesmo na oficina de Fecimo. En cambio, as tarxetas regalo só poderán entregarse fisicamente nos lugares citados. En función da localidade, a tarxeta física ten un deseño propio, aínda que unha vale para usar e beneficiarse en calquera das vilas da comarca. 

Histórico