• EMAIL :

    fecimo@fecimo.es

  • TELÉFONO :

    +34 986 305 000

  • Dirección :

    Avenida de Vigo, 91 Baixo

11

Out

2022

PROGRAMA “BONOS ACTIVA COMERCIO”

Por, Fecimo Últimas Noticias Comments: no comments

Dende FECIMO, queremos informarvos da publicación no DOG de hoxe da ORDE pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos BONOS ACTIVA COMERCIO, e se abre o prazo para a adhesión dos comercios a dito programa. (código de procedemento CO301B).

O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS ÁBRESE o vindeiro XOVES 13 DE OUTUBRO. Deberedes rexistrarvos a través da web www.bonosactivacomercio.gal e teredes de prazo ata o 30 de novembro para facelo. 

Este tipo de axudas económicas (consideradas como subvencións a fondo perdido non reintegrables) van dirixidas a propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia, dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios, mellorar o fondo de maniobra dos establecementos comerciais e paliar o impacto negativo derivado da actual situación inflacionaria.

ACTIVIDADE SUBVENCIONABLE

Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.

As vendas subvencionadas serán as que se realicen dende o 24 de outubro, data de lanzamento dos bonos aos consumidores ata o 31 de decembro de 2022 data de fin da campaña.

O bono descargado pola persoa consumidora terá a consideración de bono desconto por un valor de 30€ para as compras realizadas nos comercios adheridos á campaña.

O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra de acordo cos seguintes tramos:

– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

IMPORTANTE: No tiquet de compra teredes que indicar este bono (5€, 10€ ou 15€ no desglose dos medios de pagamento, nunca como desconto do total do prezo do artigo.

Por exemplo: Compra por valor de 45€ -> no ticket aparecerá unha venta por 45€ e no medio de pagamento aparecerá -> Bono Activa Comercio 10€ e debaixo o método escollido polo cliente para o pagamento (efectivo ou tarxeta) polo importe restante, neste caso 35€. 

ALTA DOS COMERCIANTES PARA A ADHESIÓN AO PROGRAMA

Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao PROGRAMA deberán rexistrarse a través da web www.bonosactivacomercio.galdo 13 de outubro ata o 30 de novembro de 2022, indicando a seguinte información:

– Nome e apelidos ou razón social.
– Establecemento comercial en Galicia.
– NIF 
– Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.
– Nome comercial.
– Enderezo do establecemento comercial.
– Número de teléfono móbil.
– Correo electrónico.
– IAE (ten que ser un dos incluídos no anexo I. En caso de dúbida consultar coa vosa asesoría).
– IBAN da conta bancaria (para o pagamento dos bonos descargados no establecemento).
– Páxina web do establecemento comercial.

O NOME COMERCIAL e UBICACIÓN dos establecementos retallistas adheridos ao Programa farase pública na web www.bonosactivacomercio.gal. 

Os comerciantes adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada a tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos canxeados no seu establecemento. Agás no caso de atopar algún incumplimento por parte dos establecementos adheridos, localizado nas comprobacións e inspeccións e demais medidas de control que a Dirección Xeral de Comercio e Consumo porá en marcha para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o axeitado desenvolvemento e execución do programa. Neste caso comunicaralle dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir o canxe e paralizar o proceso de pagamento dos bonos, ou solicitará, se é o caso, o reintegro dos fondos percibidos.

REQUISITOS DOS COMERCIANTES PARA A ADHESIÓN AO PROGRAMA

a. Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.

b. Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de
2014.

c. Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE (ver o Anexo I da Orde): 

651.1 – 651.2 – 651.3 – 651.4 – 651.5 – 651.6 – 651.7 – 652.2 – 652.3 – 652.4 – 653.1 – 653.2 – 653.3 – 653.6 – 653.9 – 656 – 657 – 659.1 – 659.2 – 659.3 – 659.4 – 659.5 – 659.6 – 659.7 – 659.8 – 659.9 – 972.1 – 972.2. 

SISTEMA DE FUNCIONAMENTO DOS BONOS

1. A descarga do bono polos clientes realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal, entendéndose neste momento preconcedida a axuda. O bono terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet ou similar, que permite, aos clientes, realizar pagamentos.
2. Para canxear os bonos e poder facer efectivos os descontos aos consumidores e usuarios, o comerciante terá que descargar e instalar no seu móbil a APP “BONOS ACTIVA COMERCIO”Unha vez instalada, deberá acceder á mesma co usuario e contrasinal creados no proceso de rexistro do establecemento na campaña. 
3. No momento da compravenda, o comerciante terá que introducir na APP o importe e concepto da venda, aparecendo automaticamente o importe a cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, o usuario deberá mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.
 
En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente (Recomendamosvos utilizar as tarxetas “VALE COMPRA” creadas específicamente para devolucións de mercadorías e que temos a disposición de tódalas tendas asociadas). IMPORTANTE!! O/a comerciante non poderá aboarlle á persoa consumidora, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.
 
*A través da plataforma tecnolóxica do programa, os COMERCIANTES terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das vendas, os bonos xa canxeados, os abonos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.
 
* NON será aplicable o canxe dos bonos para as compras on line.
 
(Opcionalmente, os bonos poderanse solicitar presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.)
 

OBRIGAS DOS COMERCIANTES ADHERIDOS

a) Anunciar no exterior do establecemento, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do Programa bonos Activa comercio.
b) Facer o desconto directo dos bonos nos tíckets ou facturas de compra emitidos, de xeito que as persoas usuarias non cheguen a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado.
c) Especificar por escrito na zona de caixa, de forma visible, a política de devolución establecida polo Programa.
En caso de DEVOLUCIÓN, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O comerciante non poderá abonar ao consumidor, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito. 
d) Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para verificar o adecuado funcionamento e xestión dos bonos e do programa en xeral.
e) Conservar durante un ano tódolos tíckets de compra ou facturas xustificativas da aplicación dos bonos, en canto podan ser obxecto de comprobación e control por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
f) Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido, comprometéndose a non facilitarllas a outras persoas ou establecementos.
 
DÚBIDAS E INFORMACIÓN
 
Teléfono gratuito: 900 103 087
E-mail: fgc@comerciogalicia.es

Histórico